A Facultade de Fisioterapia da UDC acolleu os días 14 e 15 de novembro as II Xornadas NeuroConecta, organizadas pola Asociación Galega de Neurorrehabilitación (AGANE) e coorganizadas pola Facultade. O encontro reuniu arredor de 80 profesionais da neurorrehabilitación nun foro de carácter interdisciplinar destinado ao intercambio de coñecemento e experiencias clínicas.
A inauguración contou coa participación da decana da Facultade de Fisioterapia, Dna. Sonia Souto Camba, xunto con Pablo Bouza Bernádez, Presidente de AGANE, e representantes dos colexios profesionais de Psicoloxía, Logopedia, Terapia Ocupacional e Fisioterapia de Galicia.
O programa incluíu relatorios sobre a abordaxe interdisciplinar da persoa con dano neurolóxico, a avaliación neuropsicolóxica, as tecnoloxía do apoio para promover a autonomía e as aplicación das tecnoloxías virtuais na neurorrehabilitación comunitaria. As sesións completáronse coa presentación de casos clínicos, un espazo de debate profesional e un obradoiro práctico centrado na formulación de obxectivos SMART en rehabilitación centrada na persoa.
Desde a Facultade de Fisioterapia agradecemos a AGANE a confianza depositada no noso centro para a celebración deste encontro, que contribúe a reforzar a colaboración entre profesionais, entidades e institucións comprometidas co avance da neurorrehabilitación.
