venres, 16 de outubro de 2026

Visita do profesor D. Carlos Cagnone á Facultade

Entre o 14 e o 18 de setembro a Facultade de Fisioterapia da Universidade da Coruña recibiu a D. Carlos Guillermo Cagnone, docente e director da Licenciatura en Kinesioloxía e Fisiatría da Universidade do Gran Rosario (Arxentina), institución coa que a Facultade mantén un convenio bilateral de colaboración.

Ao longo da súa estadía, D. Cagnone reuniuse co equipo decanal e co profesorado do departamento para compartir experiencias sobre os modelos docentes e a organización curricular, así como explorar posibles vías de cooperación.

D. Cagnone tamén mantivo un encontro co profesor José Francisco Senín, coordinador das estancias clínicas, para coñecer a estrutura dos itinerarios formativos e a coordinación cos centros sanitarios colaboradores. Ademais, visitou o Servizo de Rehabilitación do Hospital de Oza, acompañado pola profesora Beatriz Martínez Toledo, e a Unidade de Lesionados Medulares do Hospital Universitario da Coruña, xunto á profesora Montserrat Fernández, onde puido achegarse aos recursos asistenciais nos que se desenvolve a aprendizaxe práctica do estudantado.

A axenda incluíu unha ponencia aberta ao alumnado e ao profesorado sobre formación, investigación e prácticas clínicas en fisioterapia, na que D. Cagnone presentou o modelo da Universidade do Gran Rosario e propiciou o diálogo arredor de distintas experiencias académicas.

Pola súa banda, respecto á Área de Mobilidade, representada pola coordinadora Verónica Robles e a titora Margarita Barral, esta visita permitiu avanzar na análise das equivalencias entre os plans de estudo e na identificación de novas oportunidades para ampliar a colaboración existente e impulsar intercambios de estudantado e persoal docente.

A Facultade agradece ao profesor Cagnone a súa participación e contribución, que favorecen a proxección internacional do centro e o desenvolvemento de futuras iniciativas conxuntas.