O pasado 25 de setembro, a Facultade de Fisioterapia participou na G-Night (Noite Galega das Persoas Investigadoras) cun obradoiro divulgativo centrado na dor e a artrose de xeonllo, achegando á cidadanía coñecementos e estratexias baseadas na evidencia científica para favorecer o coidado e o mantemento da función física.
Durante a actividade, as persoas participantes tiveron a oportunidade de realizar probas funcionais para valorar o funcionamento dos xeonllos e coñecer o significado clínico dos resultados. A partir destas probas, abordáronse diferentes estratexias de automanexo e recomendacións de exercicio terapéutico orientadas a manter e mellorar a mobilidade, a forza e a función en persoas con artrose ou dor de xeonllo. O obradoiro puxo tamén o foco na importancia de manterse fisicamente activo e incorporar o exercicio como unha ferramenta fundamental para o manexo da artrose e da dor de xeonllo. Ao longo da sesión desmontáronse algunhas crenzas frecuentes relacionadas co medo ao movemento e á dor e explicáronse estratexias sinxelas para adaptar a actividade física aos síntomas, progresar no exercicio e afrontar posibles períodos de incremento da dor.
O obradoiro foi impartido por Beatriz Rodríguez-Romero, profesora da Facultade de Fisioterapia da Universidade da Coruña, e Isabel Tuñas Maceiras, investigadora predoutoral da Facultade de Fisioterapia e do CITIC.