venres, 29 de setembro de 2023

Exposición "Punto e seguido, a vida despois do dano cerebral"



























FEGADACE e a UDC Saudable colaboran na sensibilización sobre o dano cerebral coa exposición ‘Punto e seguido’. A colección de fotografías de Aigi Boga poderá verse na Facultade de Fisioterapia da Universidade da Coruña do 29 de setembro ao 31 de outubro.

Grazas á colaboración entre a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e a UDC Saudable, servizo dependente da Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, o alumnado universitario poderá visitar a mostra coa que as cinco asociacións galegas de dano cerebral representan o día a día das persoas con esta discapacidade, que afecta a unhas 36.000 persoas en Galicia.

As fotografías que compoñen a mostra realizáronse nas cinco asociacións que forman parte da Federación Galega de Dano Cerebral. Nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de ADACECO, ADACE Lugo, Alento, DCA Ourense e Sarela, amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois do “punto e seguido” tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido.

Ademais, para acompañar a exposición, FEGADACE realizou unha serie de curtas audiovisuais que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades. Son un total de sete vídeos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.

A organización da exposición conta coa colaboración da Universidade da Coruña e co financiamento da Consellería de Política Social.